Axenda local

07/10/2019
Gallery lingua natureza snl outes 2019
Ico noticia NOVA

A RAPAZADA DE OUTES ACHÉGASE Á LINGUA GALEGA A TRAVÉS DA NATUREZA

Desde hoxe e até mediados de novembro, a rapazada de 8 a 12 anos do Concello de Outes, participará en diversas conferencias e obradoiros prácticos nos que mellorará o manexo da lingua galega mediante o coñecemento da natureza e da fauna.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística programouse un amplo programa no que se potencia o coñecemento da cultura popular arredor da fauna galega, animando ás nenas e nenos a faceren unha “prospección” na contorna familiar e veciñal, tomando nota de ditos, contos, refráns, anécdotas… sobre o tema, e facendo posteriormente un traballo de adaptación e interpretación do material recollido.

O SNL apostou por un formato de charla e obradoiro práctico porque ademais dos propios valores didácticos, refórzase a comunicación interxeracional, o manexo do galego en varios rexistros e mellórase o vocabulario sobre a fauna do contorno outense. Por unha banda, nas charlas teóricas amplíase información sobre os animais silvestres, bótase luz sobre determinados tópicos e mitos arredor destes animais facendo un dobre labor de concienciación ambiental ao tempo que se traballa o ámbito lingüístico. Por outra banda, nos obradoiros prácticos a rapazada pode realizar carautas de animais, réplicas dos foxos para atrapar lobos ou cantigas sobre a fauna.

O punto e final farase cunha representación teatral na que a rapazada lle amosará aos seus familiares todos os coñecementos que aprenderon ao longo dos distintos obradoiros.

03/10/2019
Gallery img 03102019 2
Ico noticia NOVA

MEMBRO TÉCNICO DA ANAMM INTERCAMBIA EXPERIENCIAS EN OUTES

O Concello de Outes participa nun programa de cooperación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no que o técnico de finanzas da Associação Nacional dos Municípios de Moçambique (ANAMM), Onofre Muianga, está unha semana en Outes para coñecer o funcionamento de diferentes áreas municipais.

Onofre Muianga xa tivo a posibilidade de coñecer e intercambiar experiencias co persoal das áreas de Intervención e Tesouraría, Servizos Sociais ou Urbanismo. Ademais estase aproveitando as tardes para realizar diferentes saídas culturais e turísticas para que poida coñecer o patrimonio outense.

O departamento encargado da coordinación do programa é o Servizo de Normalización Lingüística, desde o cal se aproveitou a estadía do señor Muianga para organizar unha conferencia-debate no IES Poeta Añón na que o alumnado puido ver as potencialidades que ofrece o coñecemento do galego para relacionarse con persoas que falan portugués.