Axenda

Gallery imx web comercio local

OUTES PRESENTA UNHA WEB COA QUE DARLLE VISIBILIDADE AO SEU COMERCIO DE PROXIMIDADE

O Concello de Outes acaba de anunciar a posta en marcha dun directorio web do comercio de proximidade co que pretende que os comercios outenses gañen visibilidade e a veciñanza poida consultar información de interese sobre eles.

O enderezo de acceso é http://comercio.outes.gal

En declaracións do alcalde de Outes, Manuel González, “esta plataforma servirá como escaparate virtual para todos os comercios da localidade e está pensada para facilitar aos negocios o seu posicionamento online”. Ademais, agregou González López, “permitiralle á veciñanza facer buscas para atopar os locais que precisa para realizar as súas compras, os datos para poder contactar con eles así como saber onde se atopan a través da súa xeolocalización”.

A páxina web dispón dun apartado de novas onde irá subíndose toda a actualidade e todas as novidades que sexan do interese do comercio outense. O sitio web comeza a súa andaina inicial con 150 establecementos divididos en oito categorías: alimentación, banca, comercio, hostalaría, servizos profesionais, salóns de beleza, servizos sanitarios e talleres. Dende o Concello indicaron que pode haber erros ou omisións no directorio polo que lle piden aos comerciantes que contacten co concello se os detectan.

O obxectivo “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido comercial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”, sinalou o rexedor.