Outes Dixital
Axenda local


OUTES PRESENTA A SÚA PRIMEIRA MOSTRA DE TEATRO AMADOR
O tenente alcalde e concelleiro de cultura, Anxo Núñez Fernández, xunto con Carlos Outeiral Miniño, director do grupo de teatro Terra de Outes, presentou esta mañá o cartel da primeira edición da mostra de teatro amador de Outes "Nicolasa Añón".
Todos os sábados ás 20:00 horas, dende o 8 de marzo ate o 12 de abril, o auditorio da Casa da Cultura acollerá unha representación teatral nunha escolma feita pola Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e que organiza, conxuntamente, co concello de Outes. O obxectivo da mostra é dar a coñecer agrupacións de teatro amadoras e achegar o seu traballo á veciñanza e visitantes.
O tenente alcalde afirmou "Esta mostra nace da colaboración entre a área de Cultura e o grupo de teatro de Terra de Outes e agardamos que sexa a primeira de moitas por vir." O director do grupo de teatro, pola súa banda dixo que "desenvolvemos esta mostra en colaboración con outras cinco asociacións e agrupacións que se achegan a Outes para compartir o seu traballo coa veciñanza."
As obras serán de acceso libre e gratuíto ate completar aforo polo que non se farán reservas. O 5 de abril terá lugar a estrea da obra "O doente imaxinario... Daquela maneira" do grupo afintrión.