Axenda

Gallery imx 8m 07032025

8 MARZO. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Dende o Concello de Outes un ano máis unímonos para conmemorar este 8 de marzo baixo o lema “PARA AS MULLERES E NENAS EN TODA A SÚA DIVERSIDADE: DEREITOS, IGUALDADE E APODERAMENTO” promovido desde a ONU.

Neste 2025 cúmprense 30 anos da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing (China) do ano 1995, aprobado durante a cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller. Documento que constitúe a base fundamental para o avance dos dereitos das mulleres en todo o mundo, sentando as bases para as políticas, os programas e a inversión en áreas clave como a educación, a saúde, a paz, os medios, a participación política, o apoderamento económico e a eliminación da violencia contra as mulleres e nenas.

As políticas públicas de igualdade son un gran instrumento para mellorar non só as vidas das mulleres senón as de toda a cidadanía. A clave para frear retrocesos en dereitos está no apoderamento da próxima xeración, que a xuventude en especial as mulleres novas e as nenas adolescentes sexan as protagonistas de cambios duradeiros no futuro.

O Concello de Outes mantén o seu compromiso coa igualdade en colaboración e coordinación con outras administracións públicas. Servizos específicos como o Centro de Información á Muller, os servizos de conciliación, as campañas de sensibilización e prevención da violencia de xénero, as actividades dirixidas ás mulleres… impulsan que a autonomía e independencia das mulleres sexa unha realidade presente.

O 8 de marzo non só celebramos os logros acadados, reivindicamos todo o camiño que aínda está por andar e comprometémonos a construír un Outes onde todas e todos teñamos cabida, onde a Igualdalde sexa o piar fundamental da nosa convivencia.