Axenda

Gallery imx circe

EXPOSICIÓN: CIRCE

Esta mostra está creada a través do colectivo Reviravolta, e leva por título "Circe".

Cinco mulleres que non se conforman coa visión monolítica desta sociedade patriarcal, presentan en Outes a súa proposta a través dun Aquelarre lúdico-artístico como gostan de chamar. Asinan a proposta Pura Villar e Mónica Montero (artistas plásticas), Vane Bolboretiña (bailadora e cantareira), Sabela Olivares (música e compositora) e Sandra Pazos (intérprete).

As súas armas: a expresión plástica, musical e corporal... pero sobre todo o xogo, co que pretenden divertir ás persoas asistentes, celebrar e compartir de novo os encontros, as apertas, os cantos, as danzas, a vida... a Alegría de vivir.

Segundo nos contan, os mitos constrúen a nosa realidade. Explican o que somos e a nosa visión do mundo. O seu valor simbólico permítenos volver a eles unha e outra vez. Niso consiste esta viaxe pola exposición: revisar os mitos dende a perspectiva de xénero, moi en particular as mulleres odiseicas, ás que Homero trata con exquisito coidado...

Queren rachar os valados... e recorren a CIRCE, personaxe complexo como poucos: intuitiva, feiticeira, apaixoada, enxeñosa, hábil, solitaria, libre, xenerosa, sabia, meiga.... E disto se trata neste aquelarre, cantar, bailar... reconectar coa NAI natureza porque somos Circes.

Fotografía, obra gráfica, escultura, porcelana, video-creación, performance, actuación musical todo nunha, así transcorreu a súa inauguración. De todos xeitos agora máis pausadamente convidámosvos a achegarvos a esta exposición percorrendo as dúas salas .

A exposición "CIRCE" estará aberta dende o 27 de maio ao 28 de xuño na Casa da Cultura de Outes.

Horario de luns a venres de 9 a 14 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados de 11:00 a 13:00 horas.