Axenda

Gallery imx dia rosalia 23022021

OUTES CELEBRA O DÍA DE ROSALÍA CUNHA EXPOSICIÓN, CON POEMAS NOS COMERCIOS E AGASALLANDO LIBROS

O Concello de Outes súmase un ano máis a celebrar o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro data na que se conmemora o seu nacemento, mediante a realización de diversas actividades nas que os máis cativos son os protagonistas. Así realizarase unha exposición con poemas ilustrados polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Outes na Casa da Cultura, haberá poemas ilustrados pola rapazada en todos os comercios e tamén se agasallará cun libro e unha flor a quen pase pola biblioteca ese día.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Outes preparou este ano unha acción para socializar a obra de Rosalía co obxectivo de homenaxeala e achegarlle a súa figura e legado ao público máis novo do municipio. A actividade consistirá en que o alumnado do CEIP de Outes fará unha escolla de textos de Rosalía para plasmalos e ilustralos nos soportes facilitados polo concello. Quérese promover que os nenos e nenas fagan a súa propia interpretación dos poemas e debuxen o que lles evocan.

Unha selección dos poemas e das ilustracións feitas polos nenos e nenas estarán presentes nos escaparates do comercio local, o que permitirá que a obra de Rosalía e a creatividade da nosa rapazada estea presente nas rúas do concello. Ademais de distribuír debuxos e poemas polos comercios, na casa da cultura da Serra haberá una exposición con outros 150 debuxos que se poderán visitar a partir do día 24 de febreiro. Por outra banda, todas as persoas que ese día acudan á na biblioteca municipal poderán levar de regalo un libro en galego e unha flor.

A obra de Rosalía está plenamente vixente cun discurso feminista e inconformista e os debuxos da rapazada permitirán vela desde unha óptica diferente. Desde o Concello de Outes queremos agradecer publicamente a colaboración do colexio e a do comercio local para que esta actividade sexa positiva para promover o comercio ao tempo que espalla a cultura entre a veciñanza.