Anuncio

CAMPAÑA DE COMPOSTAXE

O Concello de Outes, comprometido coa protección do noso medio natural, pon en marcha un novo programa de compostaxe doméstica e comunitaria.

Como parte desta campaña procederase á entrega, de balde, de 175 composteiros domésticos e instalaranse tres zonas de compostaxe comunitaria: unha no núcleo urbano, outra no CEIP de Outes e, finalmente, un terceiro no centro Adisbismur. Estas tres zonas de compostaxe darán a oportunidade a aquelas vivendas que non conten con zona verde de contribuír á reciclaxe dos residuos orgánicos.

No que respecta ao programa de compostaxe doméstica, este desenvolverase de xeito máis intenso nas parroquias de San Tirso de Cando, San Miguel de Valadares, Santo Ourente e Santa María de Entíns e San Xoan de Sabardes, aínda que estará aberto a toda a veciñanza de Outes.

As persoas que soliciten o composteiro poderán recollelo nas charlas informativas que terán lugar en xuño-xullo. A estas persoas faráselle tamén entrega dun manual de compostaxe e todas elas recibirán unha visita do persoal técnico encargado do proxecto co fin de analizar como evoluciona o proceso de compostaxe e resolver dúbidas.

O prazo de solicitude dos composteiros está xa aberto. Esta solicitude pode facerse por teléfono, chamando ao 662 52 36 14, ou enviando un correo electrónico a alba.quintela@outes.gal, indicando nome e apelidos, enderezo da vivenda onde se vai colocar o composteiro e un teléfono de contacto.