Axenda local

14/05/2024
Gallery imx presentacion app
Ico noticia NOVA

O CONCELLO LANZA A APLICACIÓN MUNICIPAL "OUTES INFORMA"

O alcalde, Manuel González, e o tenente alcalde e concelleiro de comunicación, Anxo Núñez, presentaron hoxe a aplicación móbil municipal "Outes Informa". Esta aplicación é un servizo de balde para que toda a veciñanza e asiduos ao noso concello teñan acceso fácil e sinxelo a toda a información municipal de relevancia.

En palabras do alcalde "Esta aplicación supón un salto cualitativo nas comunicacións do concello. Outes informa supón un paso adiante na modernización das canles de comunicación do concello. Servirá para achegar coñecemento a golpe de un click de todos as actividades e procesos administrativos do concello máis tamén enviarlle ao concello as diferentes incidencias e propostas que teña a cidadanía.".

A través desta aplicación poderás ver e recibir notificacións sobre avisos, anuncios e novas municipais. Poderás consultar a axenda de eventos e actividades municipal, visualizar os vídeos dos plenos e roldas de prensa oficiais. Poderás tamén comunicarte directamente co concello para enviarnos propostas ou incidencias.

O tenente alcalde fixo fincapé "Esta aplicación supón un grande avance na comunicación en dous sentidos entre a veciñanza e o concello. Queremos que non quede ninguén sen ter na súa man toda a axenda de actividades e servizos que ofrece o concello así como poder recibir os avisos e novas municipais en tempo real. Damos un paso máis dentro do noso plan de mellor de comunicación que comezamos hai uns meses e que seguiremos ao longo deste ano tamén renovando a páxina web municipal."

Na aplicación Outes Informa podes consultar o listín telefónico dos distintos servizos municipais e outros teléfonos de interese, coñecer máis sobre o noso patrimonio ou obter un listado co comercio local e de proximidade.

A aplicación está dispoñible para a súa   descarga en Android ou IOS (IPhone) 

 Ver o vídeo da presentación

07/05/2024
Gallery imx pista padel
Ico noticia NOVA

APERTURA DA NOVA PISTA DE PADEL

O Concelleiro de Deportes, Tono Caamaño, inaugurou onte a nova pista de padel, que xa está aberta ao público previa reserva.

O uso da pista é gratuíto durante esta semana e, a partir do 13 de maio (incluído), a tarifa para a súa utilización será de 10 € por hora e media e 3 € máis se se amplía media hora.

As solicitudes faranse na Piscina Municipal, no seu horario habitual, e a reserva será efectiva ao realizar o pago. Proximamente habilitarase unha app para a xestión das horas.

Máis información no 981 850 165.

07/03/2024
Gallery imaxe concello
Ico noticia NOVA

UNHA NOVA IMAXE PARA UN CONCELLO VIVO

Esta mañá o alcalde, tenente alcalde e o deseñador gráfico local, Ismael Calvo, presentaron a nova imaxe institucional e manual corporativo do Concello de Outes.

 

Trátase dun plan de comunicación gráfica que facilitará e mellorará a comunicación da administración pública coa cidadanía. O novo deseño traslada os elementos principais do escudo oficial cara unha linguaxe visual simplificada e atractiva. Na rolda de prensa tamén se anunciou que nos vindeiros meses se publicarán as seguintes melloras no eido da comunicación:

  • Elaboración dunha nova páxina web máis accesible, sinxela e eficaz
  • Creación dunha nova aplicación móbil para o acceso a información da cidadanía e a comunicación directa co concello para trasladar propostas e avisos

O manual de identidade pódese consultar na páxina web do concello:  https://www.outes.gal/gl/imagen_institucional

 Ver vídeo da presentación

20/11/2023
Gallery imx ec4rural
Ico noticia NOVA

EC4RURAL: PROMOVENDO A PARTICIPACIÓN RURAL NA TRANSICIÓN CARA AS ENERXÍAS LIMPAS A TRAVÉS DAS COMUNIDADES ENERXÉTICAS

O Concello de Outes está a participar, xunto con outros 21 concellos galegos, no piloto do proxecto EC4RURAL, que ten como finalidade promover a participación rural na transición cara as enerxías limpas a través das comunidades enerxéticas.

A iniciativa pretende afondar e axudar ao cambio de modelo enerxético, imprescindible no actual escenario climático, e ao mesmo tempo crear e impulsar as comunidades enerxéticas nos municipios rurais para contribuír á transición cara as enerxía limpas nas zonas rurais europeas.

Os socios deste proxecto son a Universidade de Vigo (coordinador), a Federación Galega de Municipios e Provincias (España), a Fundación Juana de Vega (España), Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas (España), Sapiens Enerxía (España), Association of Estonian Cities and Municipalities (Estonia), Tartu Rexional Energy Agency (Estonia), European LEADER Association for Rural Development (Bélxica), Estonian LEADER Union (Estonia) e a University of Tartu (Estonia)

O proxecto, que conta cun orzamento de 1,58 millóns de euros (dos cales algo máis de 700 mil euros serán mobilizados en Galicia), está cofinanciado polo programa europeo LIFE e comezou a executarse en setembro de 2023 e rematará en agosto de 2027.

Para saber máis,  picar aquí

Animádevos a participar cubrindo a seguinte  enquisa sobre o proxecto

12/04/2023
Gallery imx1 gonzalez maragoto 12042023
Ico noticia NOVA

O CONCELLO DE OUTES E A AGAL COINCIDEN NA NECESIDADE DE REFORZAR OS VÍNCULOS CON PORTUGAL

Manuel González estudará as medidas propostas pola asociación para reforzar os vínculos culturais e institucionais co país irmán

O presidente da Associaçom Galega da Língua, Eduardo Maragoto, e o alcalde de Outes, Manuel González, reuníronse onte para abordar a posibilidade de levar a cabo neste concello algunhas medidas propostas pola AGAL no sentido de fomentar o coñecemento da lingua e da cultura portuguesas, fortalecendo así os lazos de amizade con Portugal no ámbito municipal, ao amparo da Lei Paz Andrade.

Maragoto agradeceu ao concello de Outes as iniciativas que xa impulsou no pasado en prol do fortalecemento dos lazos lingüísticos e culturais galego-portugueses a través de irmandamentos ou participando en iniciativas dos Foros de Cooperación Municipalista da Lusofonía, e animou ao alcalde a a adoptar "mais medidas lingüístico-culturais e institucionais nese sentido, con indubidables repercusións no ámbito do turismo e da revalorización da nosa cultura, local e universal ao mesmo tempo".

O alcalde de Outes, a súa vez, agradeceu as suxestións da AGAL, que se comprometeu a estudar, nomeadamente a de considerar a inclusión da lingua portuguesa na entrega de orixinais para o certame de poesía Francisco Añón. O poeta outense foi considerado polo filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa un dos primeiros precursores do Integracionismo Galego-Portugués, xa que mantivo fortes vínculos con Portugal, chegando a escribir en portugués o revolucionario Hymno dos Povos, que motivaría a sua expulsión do país. Para Manuel González, as relacións coa literatura portuguesa non paran aí, xá que mesmo alcanzan un dos nomes máis universais das letras deste país, Fernando Pessoa, com antepasados no concello de Outes.

González abondou na oportunidade que significa para Galicia o reforzamento dos vínculos co Portugal, ao configurarse o eixo atlántico como unha área de forte dinamismo e "o espazo de natural de proxección cultural e económica de Galicia, no marco da Unión Europea".

14/12/2022
Gallery imx astaleiro ciprian 14122022
Ico noticia NOVA

ESPAZO MUSEÍSTICO DA CARPINTARÍA DE RIBEIRA “ESTALEIRO DO CIPRIÁN”

O Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira “Estaleiro do Ciprián” é un proxecto de rehabilitación integral dun estaleiro para reconvertelo en museo sen perder a esencia industrial da súa actividade económica principal: a construción de barcos.

O proxecto consta de varias fases na que ademais da rehabilitación (incluíndo as ramplas e urbanización da contorna) e musealización do estaleiro, fixéronse novos espazos de traballo e promoción turística: caseta de información turística, baños e almacén.

Este proxecto mellorou a contorna litoral e paisaxística no seu conxunto e dotou ao concello de Outes dun novo espazo cultural, patrimonial e industrial de primeira orde que non existe en ningún outro punto da xeografía galega.

O proxecto foi realizado grazas a unha subvención do GALP Costa Sostible xunto con fondos propios do Concello de Outes.

 

25/08/2021
Gallery imx web comercio local
Ico noticia NOVA

OUTES PRESENTA UNHA WEB COA QUE DARLLE VISIBILIDADE AO SEU COMERCIO DE PROXIMIDADE

O Concello de Outes acaba de anunciar a posta en marcha dun directorio web do comercio de proximidade co que pretende que os comercios outenses gañen visibilidade e a veciñanza poida consultar información de interese sobre eles.

O enderezo de acceso é http://comercio.outes.gal

En declaracións do alcalde de Outes, Manuel González, “esta plataforma servirá como escaparate virtual para todos os comercios da localidade e está pensada para facilitar aos negocios o seu posicionamento online”. Ademais, agregou González López, “permitiralle á veciñanza facer buscas para atopar os locais que precisa para realizar as súas compras, os datos para poder contactar con eles así como saber onde se atopan a través da súa xeolocalización”.

A páxina web dispón dun apartado de novas onde irá subíndose toda a actualidade e todas as novidades que sexan do interese do comercio outense. O sitio web comeza a súa andaina inicial con 150 establecementos divididos en oito categorías: alimentación, banca, comercio, hostalaría, servizos profesionais, salóns de beleza, servizos sanitarios e talleres. Dende o Concello indicaron que pode haber erros ou omisións no directorio polo que lle piden aos comerciantes que contacten co concello se os detectan.

O obxectivo “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido comercial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”, sinalou o rexedor.